Información para as familias ao comezo de curso
Como vos chega a información da ANPA, libros de texto e Edixgal, feira de libros usados e renovación da Xunta Directiva.
Prezadas familias socias: dámoslle a benvida ás familias que se unen por primeira vez á nosa comunidade educativa, e achegamos a todas algunha información que consideramos de interese.
Como vos chega a información da ANPA
- Correo electrónico: anpaiesollosgrandes@gmail.com. Tamén podedes escribir aí as vosas dúbidas, consultas ou suxestións.
- Listaxe de difusión de WhatsApp desde o número 644 441 869. Para recibir as mensaxes é imprescindible gardar este número na axenda do voso móbil.
Libros de texto
Na web do IES están os libros recomendados este curso; o profesorado informa nas primeiras sesións de cales son de uso obrigatorio.
Os niveis con Edixgal seguen unha modalidade híbrida: ordenador e, nalgunhas materias, libros en papel. A administración financia 1 ou 2 libros segundo a renda (o número indica a orde):
- 1º e 2º ESO: 1 Lingua Castelá · 2 Inglés
- 3º ESO: 1 Xeografía e Historia · 2 Inglés
- 4º ESO: 1 Inglés · 2 Xeografía e Historia
O criterio principal do Claustro e do Consello Escolar na elección dos libros foi o prezo. Algunhas familias poden ter dereito a dedución no tramo autonómico da renda: conservade as facturas.
Feira de libros usados
O mércores 17 de setembro, de 17:30 a 18:30, nas aulas 1.3 e 1.4. O prezo acórdano libremente quen vende e quen compra.
Renovación da Xunta Directiva
En outubro celebraremos a asemblea xeral na que se renovará a Xunta Directiva. Se queredes presentar candidatura ou participar na xestión da ANPA, escribídenos ou falade con calquera membro da Xunta.
Desexámosvos un bo comezo de curso.